Por Beatriz Lorenzo.
O día estaba azul. A cor reflexábase no ceo, na auga, na paisaxe. Mesmo azul era a pequena barca que se atopaba no medio do río. Esa cor ofrecía a todo aquel que a contemplase unha sensación de sosego, tranquilidade e paz, porque o azul é a cor da pureza. E esa mesma pureza reflectía o ambiente do lugar.
O azul tamén simboliza a tristeza e a melancolía. A soidade. Ela tamén estaba presente aínda que ninguén a puidese observar. Os máis inxenuos preferían esquecela, os máis ávidos buscábana no máis esquecido dos recunchos. Unha soidade que abrazaba a barca, a vela, as augas, a ponte, o ceo.
A néboa cubría toda a paisaxe. Todo o que se podía contemplar era unha borrosa ponte entre a espesura. A friaxe, o amencer, os tímidos raios do sol que se asomaban dende o horizonte. Todo acompañaba naquela máxica estampa dunha mañá de inverno. Ou quizás fose de outono. Iso era o de menos.
Albiscábanse dúas diminutas persoas no interior da barca que cruzaba o río, borrosas, igual que a auga e que o ceo. Igual que as tímidas columnas de fume que brotaban dalgún tren que cruzase sobre a ponte de Charing Cross.
A néboa da mañá distorsionaba as cores e difuminaba os edificios. Era a mesma neblina que deixaba pasar algúns raios de sol entre o seu manto e revestía a tea dun velo rosado no ceo. A sensación de irrealidade que creaba a néboa era patente en tódolos recunchos da imaxe, dende a ponte ata as augas que carecían de reflexo algún, como se de unha postal se tratase.
A barca simbolizaba a travesía, o comezo dunha viaxe, a viaxe dunha vida que podería comezar naquela mañá de outono, ou de inverno, co acompañamento das casas do parlamento distorsionadas pola néboa que cubría o lugar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario